miércoles, 19 de diciembre de 2012

Agasallos de Nadal

Como todos os os anos, dende a Biblioteca A2 preparamos  unha escolma de libros  para que o Apalpador, o Papá Noel, os Reis Magos ou quen fore menester prepare os seus agasallos de Nadal para nenos e nenas, mozos e mozas, avos e avoas, nais e pais....
Este ano, cun Nadal "recortado", apostamos por apoiar as editoriais que publican en galego, nunha homenaxe ao seu esforzo e compromiso coa nosa lingua, que dende unha escola rural como a nosa valoramos especialmente, sempre  a procura achegar ao noso alumnado material na súa lingua, na súa fala.

E así propoñemos películas, música, banda deseñada, contos para cativos e menos cativos, novelas....un amplo abano de posibilidades para agasallar a todos os que queremos.


sábado, 15 de diciembre de 2012

Recitando o 12 do 12


Chegou o día que todos os nenos e nenas da escola esperaban:

Ir ao Instituo de As Neves e alí cos "grandes" recitar o poema que tanto tiñan ensaiado:

Celanova ten un vento
Celanova un vento ten
un vento peleriñante
un vento que vai e ven.

E fixéronno tan ben que logo invitámolos a tomar un chocolate con pasteis, e Rocío,a  da librería, ao enterarse regaloulles a cada un, un precioso lápiz con moneco.
Durante toda a semana, ademáis de recitar con "sentemento" e repetir unha e outra vez PELERIÑANTE, falamos de Celso Emilio Ferreiro, da súa vida, de Celanova... e fixemos un libriño con aprendido

Aquí queda una mostra do  noso traballo:



 




Este é o boletín informativo para as familias:

lunes, 10 de diciembre de 2012

RecitandoCelsoemiliO

Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX,  a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)  achéganos unha proposta, a todos os centros educativos, para  renderlle homenaxe pública:  

O mércores, día 12 de decembro, ás 12 da mañán

  • Un acto colectivo de recitado público do poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962).
  • Un envío masivo a través das redes sociais do lema recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar.
Nós, dende a Unitaria de Vide, súmamonos a esta homenaxe pública.

O mércores trasladarémonos nenos e nenas, nais, pais e mestra ata o IES Pazo da Mercé, en As Neves, e alí, cativos e maiores, uniremos as nosas voces nun recitado público.

Contos do camiño

Coa faltiña que nos facía ter películas e contos en galego en DVD para os nosos nenos e nenas!, xa temos para agasallalos neste nadal :

"Os contos do camiño"

Unha carpeta con 3 DVD que OQO filmes ven de poñer no mercado e xa temos na Bilbioteca.

Nove relatos tradicionais e contemporáneos do catálogode OQO pero esta vez en soporte audiovisual:

- Pedra, Pau e Palla.
- Rato Tom e Rata Tomasa.
- Un gato na árbore.
- A pota que trota.
- A tartaruga que quería durmir.
- Corre corre, cabaciña.
- A bruxa regañadentes.
- A cousa que máis doe do mundo.
- A grande viaxe.





miércoles, 5 de diciembre de 2012

Adela Turín

Como veñen de publicarse POR FIIIN!! en galego dous librosde Adela Turín e Nella Bosnia: , na editorial Kalandraka:


podemos aproveitar para facer un fermoso agasallo de Reis a todas as Margaridas e Clementinas que sairán do "recinto reservado" a descubrir o mundo, acariñalo, aprecialo e cambialo.

domingo, 2 de diciembre de 2012

No soy perfecta

Á nosa Biblioteca comenzaron a chegar unha chea de libros MARABILLOSOS!!!, algúns deles volos imos ir presentando para que os teñades en conta na carta dos Reis:

Este é un deles, adicado

"Aos cativos e adultos que deixaron de buscar un mundo perfecto" porque "as transformacións perfectas non se poden desfacer" e saben que "a perfección ten un grave defecto: adoita ser aburrida"

"No soy perfecta", autor e ilustrador: Jimmy Liao, editorial Bárbara Fiore.



jueves, 29 de noviembre de 2012

....pero non afoga

O pasado luns fundiuse a lámpada do proxector...Adeus encerado dixital, adeus bloge ABCDlibros, cambia toda a programacíón Sabeliña que isto non funciona, ai!  ai!, cantos cartiños vamos a gastar!- seica custan o noso presuposto dun cuatrimestre.
O martes a fotocopiadora deixou de funcionar.
O mércores desapareceu internet - non está conectado, non está conectado, veña a repetirse a mensaxe.
O xoves, hoxe, chámanme de Santiago que teño un "problemiña" co Xade.

Pero tamén......

O martes, ás 9 da mañán chegaron un grupo de nais, unha avoa, unha tía.... armadas de vasoiras, aspiradores, caldeiros e  fregonas, subiron á vivenda da escola- esa que levamos anos pelexando por converter en espacio escolar- e durante toda a mañán déronse unha fartada de limpar e fregar. Ata puxeron a funcionar de novo a vella cociña de ferro! Mentras, un pai foi mercar unha cerradura, colocouna e aínda tivo tempo de facer "arreglos varios" de fontanería.

O mércores, a "equipa de limpeza" continuou o traballo ata deixar todo "como los chorros de oro", e a cociña de leña a todo gas, para quentar a casa.

O xoves, hoxe pola tarde, ás nais que non poideran ir polas mañáns  e máis eu, pasamos alí a tarde limpando o soto, e recolocando o material. 



Para o sábado  xa quedaron un grupo de pais para darlle o remate a porta que abrimos para comunicar a escola coa vivenda e solucionar os "problemas da luz"

Non sei que "acontecerá" mañán pero está claro que na Unitaria de Vide é moi dificil afogar.



viernes, 23 de noviembre de 2012

Repertorio para cantar os Reis

Este é o repertorio para sair a cantar os reis este Nadal.


BLOGUE DAS TAREFAS

Esta semana comenzamos un blogue cun novo proxecto de traballo:
Tarefa: ABCDLIBROS.

Esta é a presentación:



jueves, 22 de noviembre de 2012

martes, 20 de noviembre de 2012

El Monstruo

Un marabilloso libro que trata a violencia de xénero dende outra mirada, a dos fillos testigos dela:
 "El Monstruo" de Daniel Martín e ilustrado por Ramón Trigo, que está publicado na Editorial Lóguez.

Este é un avance do libro en ISSU




Adaptación do conto en video elaborado polo  alumnado de Secundaria do Ceip Virgen de Luna




 Monólogo baseado no  conto do Colectivo Légolas que gañou o primeiro premio do concurso "Sal a escena contra la discriminación"





domingo, 18 de noviembre de 2012

O xogo do guante guante

Como  "polo San Martiño vai o peón ao camiño", ademáis de xogar ao peón  aproveitamos  esta semana  para aprender a xogar xogos "vellos" e descubrir o divertido que é xogalos.

Un deles foi o Xogo do guante guante, que resultou ser un "exitazo"

Xógase así:

Os nenos e nenas sentados en roda no chan mentras un corre ao seu redor para deixar o "guante" tras un  deles que, ao descubrilo, correrá para pillalo e non perder o sitio. 
Mentras vaise cantando:

Este e o xogo do guante guante
quen o teña que se levante

E aquí están @s artistas:

jueves, 15 de noviembre de 2012

O libro de octubro


Todos os meses "construimos" un libriño de Editorial Unitariadevide- ou  dous- co traballo realizado nese tempo. Cada neno e nena fai o seu e levao para casa.
O mes de octubro, mes das Bibliotecas Escolares adicámolo a "recordar" como nos movemos na zona de ficcion infantil da Biblioteca, a recordar como identificamos os libros e os distintos andeis, onde e como se colocan e se localizan... pero tamén "traballamos" o conto O vello e a margarida  e celebramos o Samaín, por iso o libro de Octubro recolle todo este traballo:



martes, 6 de noviembre de 2012

A Nosa Terra

Á magoa  que sentimos ao saber que a Editorial A Nosa Terra pechaba, xuntouse comprobar que chegaramos tarde á procura dos libros que se "liquidaban". O xuiz encargado do proceso concursal precintou  os milleiros de libros do almacén de Redondela antes de poder ser atendido o noso pedido- señor xuiz, que vai facer con eses libros?-
Adios aos Bolechas, adios aos Contos do Míño, adios á Rata Luísa.... liquidouse , eliminouse, crebou, reventou, escachou......
Pero chamou Rocío, de LER E PUNTO, a pequena librería/ kiosko -e algo máis- que ven de abrirse en As Neves:
-Chegou o meu pedido!- dixo.
Correndo  fomos onda ela e trouxemos para a nosa Biblioteca os títulos que non tiñamos- en nada serán libros de culto, rarezas, libros extraordinarios....!-
O derradeiro día de Octubro, o mes das Bibliotecas escolares, fixemos unha exposición con todos eles- con caveiras para espantar meigallos .
Unha exposición homenaxe a unha editorial galega que xa non está, pero que non estamos dispostos a esquecer.

domingo, 4 de noviembre de 2012

Saíñas

Indo para finales do curso pasado abrimos un novo obradoiro os venres pola tarde na Biblioteca: Pandereitiñas, e comenzamos a escoitar cantigas, cantar, bailar e tocar a pandeiretiña.
Cando o Fiadeiro de Vide quixeron tocar e buscámoslle un nome: Saíñas, e Saíñas quedoulles.
Neste curso continuamos co obradoiro, pero "cargadiño" : oito pequerrechos- menores de cinco anos- e oito maiores- menores de doce anos-. En total dezaseis nenos e nenas que non fallan un venres, que cantan, bailan, aprenden a tocar a pandeireta , e antes de marchar fan algún "traballiño" na biblioteca.
E que debecen por "actuar" e amosar o que van aprendendo.
Pois faltaría máis: a actuaaaaaaaar!
Levámolos ao Serán de Barcela.
Que orgullosas nos sentimos todas ao velos tan "profesionais" recibindo os aplausos dun "público entregado"!!!
Tocaron e cantaron na Festa do Samaín na Casa da Auga, deixando a toda a veciñanza coa boca aberta, e agora estanse a preparar para ir ao serán de Sela, a parroquia do lado, vestidas e vestidos de "labregos".


Fiadeiro de Vide

Serán de Barcela

Festa do Samaín


Isto non hai quen o pare!!!

sábado, 27 de octubre de 2012

Samaín e Magosto

Tiñamos pensada a festa do Samaín para a tarde do vindeiro mércores, no seu día, pero na Asociación Vidense xa tiñan preparada unha Festa do Magosto para o domingo pola tarde e ao final decidimos unir Magosto e Samaín nunha sóa celebración de toda a parroquia, así que mañán domingo, ás 5 da tarde, a Biblioteca A2 da Unitaria de Vide e a Asociación Cultural Vidense convocan a todos os veciños videnses, nenas, nenos e maiores a unha Festa Popular  na Casa da Auga  do Samaín e Magosto.
Haberá obradoiro de caveiras e maquillaxe, xogos e castañas, chourizos e por suposto cantos. As pandereteiras e pandereteiros pequenos, ós que chamamos Saíñas, terán unha actuación estelar, que despois de estrenarse no Serán de Barcela, adoecen por "actuar" e recibir aplausos.
Onte, venres, a escola converteuse nun campo de batalla con todos os nenos e nenas valeirando cabazas e as nais e pais axudando, para telas preparadas para o domingo.



Antes de marchar aínda nos deu tempo de recoller as sementes para a nosa veiga, comer a "chulas de cabaza" que nos preparara a avoa de Samara  e repasar a canción do Samaín:
"Cando o reloxio marca a unha, un esquelete sae da tumba.
Tumba por alí, tumba por alá,
tumba, tumba, 
JAJAJAJAJAJA.


Ah! e deixar preparados os libros de medo para levar á Biblioteca da Casa da Auga e expoñer na Festa.

Formación de usuarios

Esta semana tocounos "traballar" nos andeis da biblioteca de
 "Contos para que me leas" e
 "Contos do meu contorno".
Logo de estar todo o mes na "rebusca" na biblioteca, xa parece que todos, pequeniños e máis grandes, se moven de novo con soltura a lo menos na zona de ficción infantil, recuperado a memoria dos libros que máis lles gustaron e descubrindo novas lecturas.
Antonte Iago, de 5 anos, que o curso pasado quedara prendado co nome dunha editorial: "Patasdepeixe", propuxo  buscar os libros que tiñamos desa editorial na biblioteca, en calquera andel. E cando xa  enfilaban cara alí, Alba parounos a todos :
-Profe, profe, que van mal, que primeiro hai que  ver no PA!!!
NO PAA?
Ata eu quedei mirando para ela desconcertada.
- Si, profe, pon o encerado que hai que buscar no PA- insistía Alba.
Entón caín na conta: o que Alba nos estaba a dicir era que conectara a PDI- o encerado- e buscármos no OPAC de Meiga.
Eu non daba creto. Albiña recordara o traballo do curso pasado, cando entrabamos no OPAC para comprobar/xogar a buscar un libro, unha editorial, unha materia......
Buscamos no OPAC,  atopamos 5 libros de Patasdepeixe e logo localizámoos nos andeis correspondentes.
 Despois Alba - a miña  heroína- leeulles a todos o conto  "A vaca que puxo un ovo", e seguimos traballando.
Eu marchei para casa tan contentiña, tan contentiña, que aínda hoxe non se me quitou a cara de felicidade.





viernes, 26 de octubre de 2012

O vello e a margarida

O mes de Octubro é o mes das Bibliotecas escolares, e nós queremos agasallar á nosa con este conto de vellos e flores, de bibliotecas e bibliotecarias, de buscar e atopar. Ë unha adaptación en galego do conto "El viejo y la margarita", escrito por Roberto Aliaga e ilustrado por Burudi, que se publicou na Editorial Narval, lamentablemente, só en castelán.


martes, 23 de octubre de 2012

Bibliotecarias

No día das Bibliotecas Escolares achegamos tres preciosos libros da Editorial Juventud, que tratan de tres historias reais, de bibliotecarios e biliotecarias que nos recordan quen somos e por que facemos o que facemos.


"Biblioburro"



La señora de los libros "

















"La bibliotecaria de Basora "


lunes, 22 de octubre de 2012

Biblioteca

Octubro tamén e  o mes no que "estudiamos" a Biblioteca.
Comenzamos polo andel de "LIBROS SORPRENDENTES" e durante dous días OHHHH! e AHHHHH, foi o que máis se escoitou na escola, claro que tamén: AMOODOOO!!!, porque algúns son de "mírameenonmetoques" e tocar hai que tocar, que para iso os temos na Biblio.

Despois de tanta "sorpresa" pasamos ao andel que ten o P, p e pequenos. Son os libros con tapas e páxinas duras, onde os máis pequeniños que entran na escola escollen fundamentalmente os libros que van levar para o "conto de pola noite", porque os poden manipular sen medo e sen tanto cuidado.
E durante dous días foron os protagonistas do traballo escolar: escoller, colocar, recordar, encontrar, compartir, aprender a colocar o libro no andel, pedirllos prestados á Biblioteca para facer unha exposición na clase.... e sobre todo redescubrir libros que xa non recordaban o marabillosos que eran.
Foi o caso dos libros editados por Kalandraka: "Crocodrilo", "Lúa" ou "Paxariña de papel" de Antonio Rubio e Oscar Vilán , convertidos nos novos "bet-seller" da Biblio.

Xa traballamos tamén os "LIBROS PARA LER SÓS OU SOAS" e con eles entramos no autor e autora, na editorial, no título..... e un xogo  que está tendo moito éxito: atopar o "libro precioso" que estaba agachado, con el  volvímonos a reencontrar con "Confundindo historias" de Rodari, editado por Kalandraka, o que nos permitíu encher a escola de risas.



e continuará.....

jueves, 18 de octubre de 2012

Outono

Octubro sempre é un mes tan cargado que sempre "algo" queda sen facer. Temos o Outono, que nos chama cada vez que miramos para fora, o día das Bibliotecas Escolares, que non podemos deixar pasar, e por si fora pouco o Magosto e o Samaín, que o darse a primeiros de Novembro, toca preparalo agora. Este curso , gracias a una "hábilidosísima programación", esperamos non deixar nada no tinteiro.
Comenzamos polo OUTONO e aproveitando os primeiros días,que non choveu, percorrimos os arredores da escola para apañar noces na nogueira de Camilo, ourizos e castañas no "noso" castiñeiro, uvas de Xaque que quedaran sen vendimar nas videiras de Maruja, millo da tía de Noa, cogumelos na veiga da avoa de Alba, landras no monte e unha cabaza na nosa veiga. Tamén follas secas, moitas follas secas de todas as formas, tamaños e cores. Logo escollimos os mellores exemplares e preparamos unha MESA DE OUTONO que quedou ben linda. E como tiñamos tanto material aproveitamos para traballar e traballar: contamos, comparamos, pintamos e escribimos palabras ben difíciles, e se non o credes preguntadelle a Noa que cando se enterou que unha noz se escribía NOZ, e si eran moitas escribíase NOCES, e non NOZES, pasou media mañán queixándose:
 - Isto é moi raro, mooooooi raaaro!!!- mentras Alba lle dícía: - Non é raro, é DIFÍCIL, DIFÍCIL, DIFIIIICIIIIL.
 E Brandán, o pequeniño, sempre tan alegre, non paraba cantar: FI SI SIL!!!, FI SI SIL !!!
Magoa que chegou a chuvia e non pudemos asar as castañas .
Pero as NOCES comímolas todiñas!.

lunes, 8 de octubre de 2012

jueves, 4 de octubre de 2012

O gato lambón

Dicía onte que traballar en clase con "O gato lambón" é unha marabilla. Pois sí.

A historia deste gato que se vai "merendando" a todo o que  atopa por diante cun  texto encadeado moi doado de memorizar polos nenos e nenas, que tamén se presta moi ben á dramatización, serviunos para facer xogos matemáticos, traballar letras , palabras e onomatopeas, inventar frases, contar paxaros e cativas.... e así un sin fin de actividades.

Ata inventamos un xogo:

Eu teño un gato que vai para arriba.
Eu teño un gato que vai para abaixo.
Para arriba, arriba, arriba.
Para abaixo, abaixo abaixo.

Eu teño un gato que vai para adiante....

Non podía faltar unha cantiga, polo que recuperamos a de "Eu tirei un pao ao ga-to-to"
E por si fora poco, vía o Ceip Castrillón atopamos un video do conto, que podedes enlazar AQUÍ.

Como podedes comprobar, con este conto estivemos ben ocupad@s.





miércoles, 3 de octubre de 2012

Xa estamos aquí

Dixemos que comenzabamos co blog a primeiros de octubro, e vai.
Este curso na escola de Vide somos 18 - contando á mestra- e da gusto ver o patio da escola cheiño de nenos e nenas xogando, e non digamos a aula.
Aquí están:

 O primeiriño de todo foi ir ver os restos da veiga - todo sequiño- pero os xirasoles estaban cheos de pipas, e a por elas fomos.O aguacate medrara un montón e o castiñeiro de indias tiña estrado todo o patio con castañas das bruxas. Recollímolas e fixemos monecas con elas. Tamén fomos ver as viñas da avoa de Alba, listas para vendimar e á avoa e pais de Samuel vendimando na veiga do lado.

Logo de andar por fora, tocou andar por dentro, e a biblioteca prestouos o primeiro conto para axudar a "presentarnos uns aos outros". Por aclamación popular o conto escollido foi....si, ese, COCORICO!!!!!
e OUTRA VEZ MÁIS, cantamos xogamos, escribimos, pintamos...e enchémonos de pitos, galiñas, gatos pelados e biscoitos. Por certo, fixemo un biscoito que nos saíu rico, rico- e escaso, escaso-. Agora xa abandoamos a Cocorico, pero quedamos co gato, esta vez lambón.

 A verdade que o conto "O gato Lambón", é unha marabilla para traballar na escola, os nenos e nenas están emocionados e eu encantada co partido que lle estamos a sacar, pero iso contareino mañán.

 O que si teño que contar hoxe é que este ano, como a meirande parte do alumnado e familias son "vellos" a biblioteca abriuse xa o primeiro día co "Conto de pola noite" e  xa empezamos tamén  coa "Hora de ler", aínda que os pequerrechos siguen a procura da sua "pose lectora" e os maiores, que veñen moi reivindicativos, non fan máis que queixarse do "pouco tempo que nos das profe"

En fin, aquí estamos.
E seguimos estando.

sábado, 30 de junio de 2012

Coas abellas

O martes 26 fomos en autobús a Apípolis en Pontevedra, e os nenos e nenas completaron o traballo feito no mes de xuño:
Vestiron o traxe de abelleiros e foron atender ás abellas, cociñaron galletas con mel, elaboraron velas e comprenderon a importancia das abellas para os seres humanos e o medio no que vivimos.
As nais e demáis "acompañantes" aos obradoiros non fomos, pero a exposición e as salas recorrímolas todas con Sita, Estefanía e Mariló facendo de improvisadas monitoras.











A comer fomos ata Cotorredondo, que a calor caia sobre nós como unha lousa.

Pasamos a tarde á sombra, falando e xogando e regresamos a Vide.

Ata a acampada! 

San Xoán

Non podiamos deixar de celebrar a noite de San Xoán e o sábado quedamos na escola pola tarde para facer o meco. Geni, como todos os anos, trouxonos a roupa e de Digna era a palla para enchelo. Fomos ao "Avelino" a polos petardos que sempre leva dentro e entre uns e outros armamos un bo meco que levamos ata Chan de Vide no tractor de Celestino e alí, logo de montar a fogueira coa leña e madeira que os viciños foran deixando, Bruno subíu ás escaleiras para colgar a "Delfino" ben alto.
O traballo viusenos enriba e non nos deu tempo de ir á procura das herbas de san xoán, para facer o cacho, así que é posible que a pel das nosas preciosas facianas tome nota delo. Xa veremos.

Ceamos na carballeira de A Chan e ás 12 en punto prendimos lume a fogueira.

Antes, todos os nenos e nenas, e algún que outro "infiltrado", puxeramonos en roda arredor dela para cantarlle:

Delfino vai en coche
Delfino en coche vai
Delfino vai en coche
á fogueira de San Xoán.

Despois, cando o lume chegou ata Delfino e levouse con el todo o malo que fixemos, que sentimos, que pasou neste ano, choramos e berramos pero tamén aplaudimos por estar  xuntos cantando e bailando na noite de San Xoán.




E tocamos as pandeiretas e as gaitas, e bailamos e cantamos mentras esperábamos que chegase a mañán da noite de San Xoán.