jueves, 20 de enero de 2011

Pequeno azul e pequeno amarelo

En clase estamos a traballar co libro de Leo Lionni, publicado por Kalandraka: "Pequeno azul e pequeno amarelo"

Deixo aquí unha presentación do mesmo via Contos para ver e ler

martes, 18 de enero de 2011

Xaneiro en paz

O 30 de Xaneiro celébrase o Día da Paz, por iso este mes a Biblioteca propón libros que falan de amizade, de tolerancia, de repecto, de aprecio....
Podes atopalos no expositor de LIBROS DE XANEIRO, e tamén disponse dun folleto para recordalos.


viernes, 14 de enero de 2011

Botar pola porta para fóra


Por fin parou de chover!
O sol, o sol, imos para fóra!,dixer@n @s nen@s.
E marchamos a dar unha volta.
Atopamos ao señor Franco podando as viñas e paramos onda el. Explicounos que as viñas hai que podalas para que dean bo viño e como logo hai que atar a videira con vimbios,para que o vento non rompa os gromos novos. Seguimos o camiño buscando viñas podadas e viñas sen podar.
Pasamos logo a ver o "noso castiñeiro". Na derradeira visita apañaramos as castañas para o magosto. Agora estaba baleiro, sen ningunha folla.O mesmo acontecera co "noso" carballo e coa "nosa" nogueira.¿Que pasou? Foi o inverno que chegou!!!!
Pero a laranxeira estaba chea de follas e laranxas.-O inverno non lle fai nada, aguanta coma os piñeiros- dixo Mateo.
E buscamos arbores que "aguantaban" e que non.O loureiro aguantaba as follas pero Sebas dixo:
-Isto cheira!- Tamén cheira o que hai onda a casa da Teresa, pero non é coma este- dixo Mateo.
Fomos entón averiguar si era certo. Era o romeu.E Teresa levounos onda Maruja, que tiña ruda- agg que mal cheira!- e melisa que cheiraba a limón.Era hora de volver pero antes saudamos ao cabalo de Isabel e aínda Marta colleu frores amarelas.
Ao entrar na escola dixo Javi:
- Botamos pola porta para fóra e aprendimos moitas cousas, verdade profe?.
Certo.Tan só con botar pola porta para fóra.

martes, 11 de enero de 2011

Arrolos de Salitre

As nosas avoas arrolaron aos seus fillos e aos seus netos con preciosos cantos de berce que nos foron transmitindo.

Eu cantáballe aos meus un canto de berce moi "peculiar" que aprendín da miña avoa:

Quen é ese guapo
que anda no tellado
que o meu maridiño
conmigo está deitado
ou ron esta noite non
ou ron esta noite non.


E cando ía nacer algún irmá dos nenos da escola aprendíalles :

Ese neniño pequeno
quen lle vai a dar a teta
sua nai vai no muiño
o seu pai na leña seca.


ou aquel outro de

Esta neniña pequena
ten ganiñas de durmir
ten un olliño pechado
o outro non o pode abrir
aaaaah, aaaaah.

Pero o meu repertorio era cativo de máis.

Agora chega a nós Arrolos de Salitre un magnífico traballo de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, dou scompoñentes de Berrogúeto onde recollen nanas tradicionais e de nova creación .Once cancións cantadas por oito novas voces como a de Alba Gutierrez, Davide Salvado ou Uxía Cribeiro que nos axudarán a levar aos nosos meniñ@s ata o sono.

Esta é unha das nanas, escoitade e quedaredes tan prendados coma min:



lunes, 10 de enero de 2011

A camiño de Viseu

En Na punta do pé ven unha cantiga/danza portuguesa : "A caminho de Viseu" que tiñamos bailado hai algúns anos, e agora, ao recordala recuperámola e aprenderémola neste mes de xaneiro.

A nosa letra:

Indo eu, indo eu, a camiño de Viseu (bis)
encontrei o meu amor,
ai Xesús que lá vou eu! (bis)

Retrouso
Ora trus trus trus
ora tras tras tras (bis)
ora chega, chega, chega,
ora arreda lá pra tras! (bis)


Indo eu, indo eu,
a caminho de Viseu,
escorreguei, torci un pé,
ai que tanto me doeu!

Vindo eu, vindo eu,
da cidade de Viseu,
deixe lé o meu amor,
o que ben me aborreceu!








lunes, 3 de enero de 2011

Érase unha vez outro bosque

Esta é a primeira entrada do novo ano 2011, e comenzamos falando dun libro que o Apalpador? ou papá Noel? ou os Reis? bueno, algún deles foi quen o deixou na nosa Biblioteca sabendo que o 2011 é o Ano Internacional dos bosques:

"Erase otra vez un bosque"de Elisa Géhin, editado por Intermón Oxfam Editorial. Un conto con preciosas ilustracións minimalistas e de moi fácil lectura en maiúsculas que aínda que parece que fala dos paxaros dos bosques o que fala é da intolerancia, da diversidade....dos conflictos que se poden producir na convivencia.

Só unha eiva, non está publicado en galego, só en catalán e castelán.