viernes, 31 de diciembre de 2010

Cantando os reis en As Neves

Hoxe era día de feira en As Neves, e as doce da mañán alá fumos, tal como tiñamos decidido, a cantárllelos Reis.
Nós eramos unha boa tropa: nais, pais,avoas,tias, nenos e nenas....ben preparada para cantar os Reis e pedir o aguinaldo a quen atopáramos por diante.

Tiñamos ensaiadísimo o repertorio:
Para presentarnos:

"Aquí estamos os de Vide
señorá dona María
se vostede da licencia
cantaremos noite e día.....


Se estaban animados seguiríamos cos Reis de Rinlo, ou co Nadal de Luíntra, e aínda nos quedaba - para os bises- "Metido nun ovo" ou "No Pendello".

Ademáis ía con nós Edorta, o pai de Mateo, co acordeón, e Digna, a avoa de Fabiola, coa cesta onde recoller o aguinaldo, e se non nolo daban, escoitarían "O kikirikí"

Unha programación tan boa, un repertorio tan planificado, unha organización do transporte tan perfecta..... e en As Neves non había ninguén polas rúas. Nen sequera na feira, agás os feirantes.

Menos mal que somos de Vide e non nos bota para atras una "pequenez" como esa.

Empezámos por cantarllelos reis aos feirantes, logo fomos ao Concello, despois bar por bar, restaurantes, ata fumos á porta do super a cantar !
E a xente empezou a sair ás ventás,ás portas, a aplaudir aos nen@s....e nós a cantar e Digna veña a recoller o aghinaldo.... e ata nos daban as gracias!!!!!

Ao remate, fomos comer rosquillas e celebrar o BOS CANTANTES que somos e a cesta de Digna estaba chea.

E todos dicíamos: "O ano que ven volvemos!!!!"

Mentras, preparámonos para cantarlle aos nosos viciños de Vide o vindeiro martes 4 de Xaneiro.



jueves, 30 de diciembre de 2010

Melgaço en Nadal

Melgaço e a vila portuguesa que queda ao outro lado do Miño cruzando pola ponte de Arbo.A súa proximidade fai que pasear polas súas rúas, tomar unhas natas,disfrutar dosu Centro de Lecer ou visitar a feira dos venres, sexa moi común nos desta beira.

E neste Nadal sorprendeunos cunha orixinal e bela decoración navideña baseada en elementos reciclabels na que participaron colaborando os seus habitantes, e entre eles, as escolas.

Mirade e disfrutade:

martes, 28 de diciembre de 2010

O papá Noel na escola

O pasado venres, o Papá Noel sorprendeu a todos os nenos e nenas da escola de Vide petando na porta cargadiño de galdrumadas e agasallos.

Esta vez era un Papá Noel tan auténtico e velliño que ninguén dubidou del.
So houbo un momento de tensión cando Antón comenzzou a berrar:

-Papá...papá....papá...
Fíxose un silencio incómodo, violento, deseperado?

Pero entón Antón rematou de falar:

-......Noel!!!!
Uuuffff, sospiramos todos, e en especial o Papá Noel, que xa vía todo o seu traballo chafado.

lunes, 27 de diciembre de 2010

Mi villano favorito

GRU é un villano que pretede ser o máis malvado do mundo axudado polos minios, que están entrenados para facer maldades. Para conseguilo ten un plan: roubar a lúa.
Pero aparecen tres nenas que van a torcer todos os seus plans.
E non vos conto máis porque tedes que vela, e veredes como os máis pequenos aguantan sen moverse do sitio mentras comproban como o malvado Gru ao fin, non se pode resistir diante dunhas nenas que precisan do seu cariño.


domingo, 26 de diciembre de 2010

A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol

"A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol" é unha coproducción galega que nos conta a viaxe da pequena Mumu para conseguir o seu soño: Ser unha super-estrela. A vaquiña Mumu vai vivir unha aventura de acción, suspense e emoción. Os seus enormes desexos de se converter nunha estrela conducirana a unha situación surrealista, da que será liberada grazas ao labor en equipo e ao enxeño dos seus compañeiros, aos que abandoara por careceren do glamour ao que ela aspiraba. Grazas a eles descubrirá que debemos querer aos demais tal e como son e non polo brillo que aparenten ter.

Esta divertida película que ESTÁ DOBLADA AO GALEGO!! deixará encantados sobre todo, aos nenos e nenas de infantil.E as súas nais e pais que verán disfrutar aos seus fill@s.




Vía Cultura Galega

lunes, 20 de diciembre de 2010

Nadal en Vide

Polas vacacións de Nadal, a Biblioteca A2 en colaboración coa Asociación Sociocultural Vidense ten programadas actividades para nen@s e maiores

Esta é a nosa axenda de vacacións de Nadal:

jueves, 16 de diciembre de 2010

Raíñas e Reis magos

A carta aos Reis Magos mándámola por correo-que traballiño nos deu !- e logo na caixa de teatro atopamos unha camisa e unha capa clavadiña clavadiña á dos reis magos, só nos faltaba a coroa. A coroa dos cumpreanos pareceunos perfecta, asi que...puxémonos mans á obra e nun instante tiñamos na escola nove raiñas e reis magos que nos prometeron unha chea de xoguetes, libros de contos, galdrumadas, bicos e apretas para tod@s.

Unha pregunta:

¿Sabes quen é a raiña Iris e quen é a raiña Noa?
Pensa, pensa, que sen o nome no mandilón non é cousa doada.

Un agasallo diferente

Nestes días volvemos a ler, proxectándoo na pizarra dixital, un libro da Biblioteca : "Un agasallo diferente", de Marta Azcona con ilustracións de Rosa Osuna , editado por Kalandraka en setembro do 2005, pero que como temos que facer a carta aos reis, está de "rabiosa actualidade", e nos recorda que o mellor agasallo é o que nos permite que a nosa imaxinación se desborde.

Recomendacións Nadal

O Nadal é unha moi boa ocasión para agasallar con libros ás persoas que queremos . A Biblioteca fixo esta selección para vós:

domingo, 12 de diciembre de 2010

O Apalpador


Chega o Nadal e con el O Apalpador, un vello xigante que vive nas máis lonxanas montañas de Galicia e cada Nadal baixa ata a casa d@s máis cativ@s para na noitiña, comprobar que están ben alimentados e ragalarlles unha presa de castañas. Dende o CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas achéganos o conto e actividades:




E dende O Ceip Outeiro das Penas, máis actividades:




E tamén láminas para colorear se premes nesta outra foto



E, como non, un cantar gracias ao CRA de Teo vía Coordinadora ENDL

viernes, 10 de diciembre de 2010

Para cantar o nadal

Para repasar, dúas das cantigas que levamos para cantar os reis:

No Pendello:



O Kikirikí

jueves, 9 de diciembre de 2010

viernes, 3 de diciembre de 2010

Na punta do pé

Xa chegou á Biblioteca A2 "Na punta do pé", de Pesdelán , ilustrado por Joao Vaz de Carballo e editado por Kalandraka.
Con Cd e DVD, é unha proposta didáctica que, do mesmo xeito que "Para cantar e bailar" de Luís Prego, publicado o ano pasado por Edicións do Cumio, recolle xogos e bailes do noso patrimonio cultural .
Cunha presentación moi cuidada non só e un libro imprescindible na escola para xogar , cantar e bailar mentras contribuímos a recuperar as nosas tradicións, senón que é tamén un agasallo a ter en conta polo Nadal e Reis.
Recolle un xogo/baile que nos encanta: "A Carrrasquiña". Aprenderamolo co libro de Luis Prego , pero agora co video de Pesdelán xa aprendimos a bailar a polka, logo de darnos biquiños e abrazos.

"Ai que vida é a nosa darnos bicos e abrazos"

Por se queredes aprender A Carrasquiña, con este video tedelo doado.

miércoles, 1 de diciembre de 2010

Cantar os Reis: Reis de Rinlo

Xa estamos a ensaiar os Cantares de Reis. Temos o repertorio mais ou menos decidido e xa van dúas cantigas preparadas. De seguir así cando chegue o día de sair a cantar imos arrasar, e os tractores cheiños do aghinaldo.

A primeira cantiga preparada é " Reis de Rinlo" unha adpatación que fixemos partindo da versión de Sondeseu no seu disco Barlovento

E para que o podan ir aprendendo @s que non poden vir os martes a ensaiar, onte fixemos unha grabación "profesional":

jueves, 25 de noviembre de 2010

Día Internacional contra a violencia de xénero

Hoxe, Día Internacional contra a violencia sobre a muller, e con máis de sesenta mulleres asasiñadas só en España no que vai de ano polo seu cónxugue ou ex-cónxugue, vemos xa que as campañas de sensibilización comenzan a dirixirse non só as mulleres que sofren a violencia, senón e tamén, ao protagonista desta lacra social: o home que exerce esa violencia , na procura do seu rexeitamento social. Un exemplo vémolo estes días na campaña institucional "Contra o maltratador tarxecta roxa".
Teremos XA que, sen subterfuxios, expulsar do campo de xogo social aos homes que se sinten co dereito de exercer violencia contra as mulleres, e en especial contra a "SÚA" muller.
Hai uns anos escoitaba a un home- con condena por malostratos- queixarse moi alporizado de que "pola culpa da súa muller", un compañeiro da obra lle retirara a palabra e cambiaba de sitio na hora do bocadillo por non sentarse ao seu carón. Sigo pensando que si tod@s nos comportaramos como "aquel compañeiro" tiñamos dado un paso de xigante contra a violencia de xénero.

Pero é que tamén xa é hora de identificar, visibilizar e dicir "BASTA" as "microviolencias"- os micromachismos dos que fala Luis Bonino- e que son o primeiro peldaño desa longa escaleira que nalgúns casos remata na violencia extrema, no asasiñato dunha muller .

Como di Bonino: ¿Que pasa con ese home- progre, intelixente e encantador- que traballa fora de casa como a súa parella e non se corresponsabiliza das tarefas domésticas pero di que "axuda"?

Microviolencias......Micromachismos.... tan integrados na nosa vida cotiá que non son visibles as máis das veces nen por nós mesmas.









As escolas galegas, a través dos seus blogs non esquecen neste día pronunciarse. Podemos acceder a través desta recopilación de Trafegando Ronseis

lunes, 22 de noviembre de 2010

PRIMEIRA PALABRA

Buscando palabras atopamos "A Primeira Palabra de Mara" dunha nova Editorial: Narval, e quedamos con ela.

AVO, AVOA,
MAMÁ, PAPÁ,
MARA, CACA,

son as palabras que estamos a fabricar para poder DICIR esta historia.....

......para maiores e para pequenos que

lemos en voz alta mentras a reescribimos proxectándoa na PDI.

Esta é a adaptación coa que traballamos en clase




miércoles, 17 de noviembre de 2010

Esqueletes cheos de ósos

Pois menos mal que estaba preparada. O día de hoxe pasou entre
CÚBITO
RADIO
HÚMERO
CRANEO
FÉMUR
VÉRTEBRA.....

Unha morea de novas palabras sairon polo aire e houbo que pescalas con nasas, igual que Diego.
De todas, quedámonos coas palabras que imos regalar a Érika:

CÚBITO! RADIO!

Recordamos a canción do Samaín e bailamos a "Danza dos esqueletes", que a nosa amiga pandereteira buscou para nós.


martes, 16 de noviembre de 2010

O brazo de Érika




Hoxe enterámonos que Érika rompeu un brazo, chegaba do hospital aínda un pouco asustada, pero como é de Vide, que quere dicir FORTE e VALENTE, antes de voltar para casa achegouse á escola - que os martes pola tarde está aberta a Biblioteca- a saúdar @s amig@s e contarlles o que lle pasara:
Caíu e rompeu OS DOUS ÓSOS DO ANTEBRAZO!

A tod@s pareceulles que un óso, pasa, pero DOUS!!!!!, e como era iso de que había alí dous ósos?

Como xa era tarde quedamos que ao día seguinte na escola investigaríamos, e que os que xa van á escola de As Neves investigarían alí.

A ver que pasa mañán, pero por se o tema segue "
candente", que dame que seguro, deixo aquí uns enlaces e recursos, pois mestra previsora vale por oitenta e catro.

Vía Aula 365. Preme e xoga

Vía Bjuegos. Preme e xoga



Xogo O corpo Humano. Junta Castilla León
Xogo memoria Osos do corpo .
O esquelete humano: Gobierno de Canarias
Esquelete con pasta: Enlaescuelacabentodos
Colorear esquelete: Educima
O esquelete: Vedoque
Títere esquelete: Fichas infantil
Esquelete: Saludalia



jueves, 11 de noviembre de 2010

POLO SAN MARTIÑO

Polo San Martiño podemos matar o porco, facer o magosto ou xogar cos peóns porque:

Polo San Martiño, trompos ao camiño.

E podemos seguir xogando con eles ata xanerio porque

Polo San Amaro trompos ao tellado, e se non o fixeches aínda

Polo San Antón trompos ao caixón e gárdaos ben ata o ano próximo que en febreiro

Por Santa Olalla, trompos á borralla

Deixovos un cantar apropiado para o magosto na voz da Señora Carmen que podedes atopar no maravillosos traballo Pelo Gato 24




lunes, 8 de noviembre de 2010

MAIS!



DIEGO, o neno que vive na cidade da FÁBRICA DAS PALABRAS, tiña gardada unha palabra especial:

¡MÁIS!

e esta palabra servíunos para facer sumas, escribir nomes de nen@s da escola, e ata nos servíu para aprenderlles aos máis pequen@s a:

"escribir o pao de berrar"

- ¿O pao de berrar?
E Javi explicou :
- MÁIS non é MÁIS,
é MÁÁÁIIIISS!, hai que poñerlle o pao de berrar.

Pois xa temos unha definición "creativa" de signo de admiración


Logo xogamos a buscar a PALABRA PERDIDA neste xogo
que descubrimos gracias a Biblioteca da Libruxa






domingo, 7 de noviembre de 2010

M de magosto

Pois xa pasou o día do magosto na Casa da Auga.
A "tele" veña a dicir que chovía, que o día que viña o papa non, pero ao día seguinte- o domingo- ían cair chuzos, tantos que ata Lurdes viuse correndo dende Corme non foran a pecharse as estradas con tanta auga.

Nós dixemos:
Se chove, deixa chovere
se orballa deixa orballare

por máis que chova ou vente.
á festa non hei faltare.


E non choveu. Houbo castañas e chourizos para tod@s nunha tarde entre amig@s e pandeiretas.
Ata a próxima!

sábado, 6 de noviembre de 2010

A PESARES DA MESTRA

Hai moitos anos, cando eu empezaba de mestra tocoume un primeiro, e eu estaba toda asfixiada con iso de aprenderlles a ler. Que método sería o mellor?, onde atopar bibliografía?, estaría facéndoo ben o estaba metendo a pata? Unha compañeira, mestra de moitos anos, colleume un día por banda e díxome:
- Sabela, os nenos aprenden a ler a pesares da mestra, así que xa te podes ir tranquilizando.
Nunca o esquecín.
Pero o venres aprendín tamén que @s ne@s, ata @s de tres anos, saben o que hai que facer A PESARES DA MESTRA.
Isto foi o que pasou:

@s pequeni@s estaban encantad@s xogando a fabricar palabras cos tampóns de letras. Buscaban as letras do seu nome e estampábanas nos folios. Aquelo era unha maravilla. Falando, descubrindo letras.... e a mestra non daba creto. Alba collia a A e dicía .
- Esta é miña . A de Alba, e esta tamén - e collía a B.
Noa dáballe a S a Sebas e dicíalle :
-Esta é túa Sebas.
E así tod@s. Daba xenio velos.
Entón a mestra pensou:
- Uauhhh!
E cando os maiores colleron folios para fabricar palabras de un só golpe: SOL, PAN, RA.... a mestra díxolle @s pequeniñ@s:
- Vos tamén podedes facelo, eu escribo a palabra no folio e vós buscades os tampóns, ¿vale?
A mestra seguía pensado que ELA era un xenio.
......E @s pequeniños foron correndo a buscar as letras : Iris estampou unha I, Noa unha N, Alba unha A, Iago unha G, Sebas unha S....... e así tod@s.

A PESARES DA MESTRA.

viernes, 5 de noviembre de 2010

magosto




O pasado domingo, malia a chuvia, algunhas persoas levaron á Casa da Auga castañas, candeas, chourizos e aínda unhas botellas de viño para acompañar.
A chuvia non nos deixou prender o lume, pero co que xa temos e un pouco máis o vindeiro domingo celebraremos un FANTÁSTICO, FENOMENAL, DELICIOSO, EXQUISITO,BULIDEIRO E FESTEIRO MAGOSTO, e de novo utilizaremos a Casa da Auga, unha casa rectoral ben fermosa da Comunidade de MOntes de Vide, que é dicir o mesmo que de toda a veciñanza vidense.

Haberá tamén unha exposición de libros da delegación que a Biblioteca A2 ten na Casa da Auga.

Esperámosvos.

CANDEAS

En Vide chamámoslle CANDEAS as follas dos piñeiros que, secas, caen o chan, e coas candeas asamos as castañas: unha capa de candeas, outra de castañas ben extendidas, outra de candeas para tapar, lume , esperar que se consuma e... listo!

É un sistema sinxelo pero que ten a súa arte, pois as castañas teñen que quedar b

en asadiñas, nin crúas nen chamuscadas.

Nós precisamos candeas para facer o Magosto por iso andábamos a procura da palabra.

A Bruxa do Campanario , sempre atenta, deixounos hoxe de regalo esta palabra colgada na porta:

CANDEAS,

Puxemos a funcionar a nosa fábrica das palabras e fixemos moitas "CANDEAS".

Logo fomos ao monte a buscalas, e aínda nos deu tempo a pintar CANDEAS, de dúas en dúas, porque Alba descubríu que as candeas son xemelgas, como Iris e Noa.


E como estamos fabricando palabras, mañán fabricaremos palabras con Saramago neste precioso conto:


jueves, 4 de noviembre de 2010

Saúdos


Hoxe queremos saudar un novo blog, " O sol do Condado", o blog do noso viciño o Ceip Marquesa Pazo da Mercé, a escola á que vai o alumnado da Unitaria cando pasan a Primaria, e tamén queremos dar a benvida aos blogs que, deste centro, se inauguraron neste curso:

Os chirladeiros, de Segundo de Primaria e

Os bulebule de As Neves, de Primeiro de Primaria.


As nenas e nenos de Vide mándanvos unha fortísima apreta para tod@s.


miércoles, 3 de noviembre de 2010

A fábrica das palabras


Á Biblioteca A2 chegou un libro: "La gran fábrica de las palabras"que nos vai servir este mes de novembro para fabricar, buscar e coleccionar palabras.
Comenzamos coas palabras amigas de MAGOSTO:
CASTAÑA,
CANDEAS,
LUME.
Axiña atopamos o cartaz de CASTAÑA, fomos entón á procura delas.
Moi perto da escola atopamos un castiñeiro con centos de CASTAÑAS, que recollimos para o magosto do vindeiro domingo, pero cando regresamos a escola decatámonos que non tiñamos CANDEAS.
Buscamos a palabra pola clase e non estaba.
¿Que facer?
Mateo tivo unha idea:
- Buscámola na casa, ao mellor unha mamá comprouna, e mañán traémola para escola.
Acordamos esperar a mañán.

Mentras, eu lles teño preparada unha sorpresa: a adaptación do
conto ao galego para seguir fabricando palabras.

A FABRICA DAS PALABRAS

View more presentations or Upload your own.

Festa na Casa da Auga


Na escola tiñamos traballado moito para o Samaín, e o domigo era o día da festa.
Aínda que o domingo, 31 de octubro, quixo chover, a Festa do Samaín celebrámola igual.
Ao principio só unhas poucas ánimas,bruxas e esqueletes moi ousados achegáronse, pero pouco a pouco a Casa da Auga de Vide foise enchendo de nen@s, e homes e mulleres dispost@s a preparar as caveiras, xogar a meter medo, cantar e unha vez máis, pasalo ben xunt@s.
Á noitiña as caveiras alumeaban en Vide espantando as ánimas.
E o magosto deixámolo para o vindeiro domingo, que seguro, seguro, que non chove.


miércoles, 27 de octubre de 2010

Festa do samaín


Pois si, o domingo pola tarde a Biblioteca A2, invítanos a tod@s a celebrar a Festa do Samaín, e polo que parece a Comisión da Biblioteca ten preparada unha festa rachada na Casa da Auga. Faremos caveiras, xogos, un magosto, galdrumadas... e seguro que non van faltar uns chouriciños para aproveitar as brasas.
Logo, á noitiña, á espantar ás ánimas colocando as caveiras por toda a parroquia.
De seguro que esa noite queda Vide ben protexida.

martes, 26 de octubre de 2010

Cantando en Samaín

Coa música de Mama Cabra e a letra de "Os esqueletes" fixemos unha adaptación ao galego e quedounos unha canción chulísima para cantar este ano na festa do Samaín e, como é moi longa, para os máis cativos deixámola no numero cinco. É divertidísima de cantar facendo todos os acenos que lle inventamos.
Esta é a "nosa" letra



Tamén fixemos un libriño para levar para casa e ler e cantar coas nosas familias.

lunes, 25 de octubre de 2010

Dia das Bibliotecas


Os "libros sorprendentes" non se poden levar prestados , pero son as verdadeiras "estrelas"da biblioteca, para tod@s , cativos e maiores.
Hoxe- onte- Día das Bibliotecas, decidimos colocar os libros sorprendentes no expositor de "Libros do mes" para que os colleran prestados.
  1. Foi unha boa sorpresa, todos se botaron aos libros.
  2. Hoxe fixemos pleno en préstamos: TOD@s levaron libro para pola noite- hai que ter en conta que tod@s son dez-.
Aínda tiñamos máis sorpresas para celebrar este día:

Un regalo para a Biblioteca- unha caixa con libros- e

Unha contacontos: Nuria , a mamá de Iris e Noa, que chegou- de parte da Biblioteca- cun conto para ler: Unha mamá para Owen, a historia do pequeno hipopótamo adoptado por unha tartaruga.Tiñades que ver a cara dos @s máis pequeniñ@s, que era a primeira vez que escoitaban este conto. Preguntaban unha e outra vez.
- E a súa mamá onde está?- sen satisfacerlle ningunha das respostas.




domingo, 24 de octubre de 2010

Samaín e recursos para infantil


Deixo aquí os enlaces aos recursos que estamos utilizando en clase no traballo SAMAÍN, recursos dirixidos a nen@s menores de 6 anos, que é o noso alumnado. A meirande parte deles xa os traballamos e gustáronnos.

É un recopilatorio de actividades lacalizadas directamente en internet ou ben a través do traballo realizado por outras bibliotecas escolares. A tod@s gracias.

Para imprimir e colorear/recortar:



Xogos on line

Negrita


Manualidades:


Cociña do Samaín:


Videos:




Se queres unha páxina con moitos recursos para todas as edades, preme entón en:


E para rematar, este video de Mamacabra:





martes, 19 de octubre de 2010

Entradas

As entradas que vou gardando como "borrador" vanse acumulando. A unha faltanlle as fotos, a outra completala, outra quedou a medio camiño porque o "issu" falloume..., e cada día o atraso é maior e a preguiza ,mais grande, así que veño de tomar unha decisión:
ALÍ SE QUEDAN.

Ireinas completando se teño tempo, ou ganas, pero polo de agora acabouse.

Xa levamos dous meses do novo curso, fixemos unha chea de cousas, unhas mellores e outras peores, e nin unha soa entrada.

A semana que ven vai a entrada do Samaín.
En serio.

viernes, 15 de octubre de 2010

Inventando xogos


Hoxe no recreo sorprendéronme inventando un novo xogo:

Na randeeira séntanse Noa e Iris, as xemelgas, e Mateo e Javi "danlle". O xogo consiste en poñerse diante delas, a tiro dos seus pés, e cando os pés das nenas lles tocan, tirarse ao chan berrado moi forte:

aaaaaaggggggggggg!!!!!

O xogo foi todo un éxito e pasaron unha boa parte do recreo rindo e tirándose ao chan. E foi porque as pequenas son miudas e como pesan pouco, pouco dano podían facer, e os maiores- Mateo e Javi- eran cuidadosiiiisimos e "daban" con pouca forza para que non lles sairan voando.

Eu tamén rin con eles e berrei aaaagh! despois de decatarme que era un xogo , que eles o tiñan controlado e que DEBÍA deixalos seguir xogando.