viernes, 29 de febrero de 2008

Un conto novo

Hoxe rematamos o conto de Vide en Verde, quedou así:

HABÍA UNHA VEZ UN MONTE QUEIMADO.
O MONTE CHORABA.
AS NENAS E NENOS DE VIDE
PLANTARON NEL CARBALLOS,
CASTIÑEIROS
E CERDEIRAS.
AGORA DENDE A ESCOLA ESCOITAMOS COMO RÍ.

A Biblioteca A Dúas prestounos a súa maleta de viaxar con libros de árbores,
e nós puxemos un novo conto na Biblioteca.

miércoles, 27 de febrero de 2008

Marea Negra

Onte catro mulleres morreron asasiñadas polas súas parellas en Madrid, Cádiz, Valencia e Madrid.Hoxe, unha muller foi apuñalada en Mallorca e outra en Pontevedra. A prensa falaba dunha xornada negra. martes, mércores, xoves....negros de loito.
Si non queremos ser cómplices desta Marea Negra teremos que ser belixerantes contra os modelos de comportamento machista e violentos en todas as súas manifestacións.
E a escola terá que constituirse dunha vez por todas nun espacio coeducativo, onde nenos e nenas se formen en igualdade.

"Elas son as baixas, as nosas baixas, nunha guerra lenta pero de longo percorrido. Unha guerra na que imos ganando batallas moi devagar. Elas están a pagar o prezo da nosa liberdade e a plena igualdade que disfrutarán as nosas fillas, ou as fillas das nosas fillas."Pepa Bueno en Mujeres en Red


Materiais de consulta:

Guia formativa. Violencia de Xénero. Xunta de Galicia.

Aprendendo a previr a violencia de xénero

Guia practica para Mulleres que sofren violencia.Servicio Galego de Igualdade.


Materiais Coeducación .Servicio Galego de Igualdade.


Recursos e materiais Vicepresidencia Xunta de Galicia.



E tamén

- La violencia de género en las mujeres jóvenes.
- Educar en igualdad
- La intervención escolar en la construcción del género.
- Materiales didácticos para prevenir la violencia de género.
- No te lies con los chicos malos
- Herramientas Didácticas para la lucha contra la violencia de género.


lunes, 25 de febrero de 2008

contos de vellos



Hoxe pola tarde volvimos a subir ao Coto e seguimos plantando carballos e cerdeiras no baldío.
Mañán na escola remataremos o conto : “ Había unha vez un monte queimado….”
Os carballos, castiñeiros e cerdeiras irán medrando ó mesmo tempo que os nosos nenos e nenas,e dentro de vinte anos habemos de subir de novo, cos nosos fillos, netos ou amigos para, sentados ao pé das “nosas” árbores, contarlles a todos unha historia de vellos que comenzará así:
“había unha vez un monte queimado……"

jueves, 21 de febrero de 2008

Rosalía de Castro

O vindeiro 24 de febreiro celébrase o día de Rosalía de Castro, unha muller á que lle teño unha especial querencia. A moitos dos seus poemas se lles puxo música, e forman parte xa dos cantares colectivos. Rebuscando na arañeira atopei este vídeo.

¿Que vos pareceu a versión "actualizada"?.Eu caseque me quedo coa "Negra sombra" de Luz Casal,que canta aquí acompañada por Carlos Núñez.



En fin, na escola faremos unha versión " á pandeireta" con "Adios rios, adios fontes.."
E con Rosalía diremos:

Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

En "Galicia Espallada" , ou na wikipedia podemos ler sobre Rosalía e a súa obra.Si queremos saber aínda máis podemos acudir á Biblioteca virtual Miguel de Cervantes

Pero si o prefires sempre poderás consultar o Boletín da nosa Biblioteca A Dúas

martes, 19 de febrero de 2008

Vide en Verde




Hoxe pola tarde fumos plantar carballos e castiñeiros no Coto, onda o depósito da auga. Eran setenta as plantas que Medio Rural lle mandou á Comisión de Montes, e foron poucas.
Pola mañán non paraba de chover e chegamos a pensar en cambiar o día, o final decidimos arriscar, e saíunos ben. A tarde foi ben fermosa: o monte cheo de nenos e nenas, nais, avoas, pais.... cavando, rindo, botando regueifas uns ós outros, e mentras, o ceo cuberto de nubes esperaba a que remataramos co traballo. Comenzou a orballar cando xa recollíamos os legóns e regresabamos á escola, onde nos esperaba a merenda. Son as tardes como esta as que gardas na memoria e repasas con cuidado para non esquecer. Se conseguimos máis árbores subiremos outro día, se non chove. Aínda que...

se chove,deixa chover
se orballa deixa orballare
por máis que chova e vente
carballos imos plantare.

lunes, 18 de febrero de 2008

Arturo e Clementina


Había moito tempo que andaba a procura do libro de Adela Turín: "Arturo y Clementina", e o sábado atopeino. Xa o temos na Biblioteca. Cando rematemos a actividade de "Vide en Verde", comenzaremos con el. En internet atopei multitude de propostas de actividades, tanto para pequenos como para maiores. Si cadra o poderemos traballar na "Comisión de Biblioteca".
Tamén atopei un artigo de Paco Abril que, a propósito deste libro, reflexiona sobre a "atención desatenta". ¡Cantos Arturos! e...¡cantas Clementinas!

sábado, 16 de febrero de 2008

porcos e carballos



Onte saímos pola aldea na procura carballos, castiñeiros e nogueiras e sacamos unhas cantas fotos. Pero a saída no foi-outra vez- como eu tiña pensado. Polo camiño atopamos a Isabel que ía darlle de comer ós porcos, e os porcos convertironse no interés principal. Non me quedou máis remedio que cambiar árbores por porcos. Eran tres preciosos porquiños negros que escapaban en canto escoitaban un ruído, pero volvían correndo cando Isabel berraba: "¡nenos...neniños...!. Fartámonos de rir.
Menos mal que de volta , ó pé do camiño había un enorme carballo, e no medio das conversacións sobre quen tiña porcos, de que colores e de que tamaño, puiden "reconducir o interés principal" - os porcos comen landras- e puxémonos a mirar si esa nai carballo tiña fillos. E sí, ó seu redor e entre as follas secas moitas landras prenderan, e os carballiños saían por todas partes. Arrancamos un con moito cuidado e ó chegar á escola plantámolo na bota vella.
Pero a "reconducción" foi efímera. Na roda a ninguén lle interesou falar de árbores, senón de porcos. E ó final, a clase foi o cortello, eu Isabel, e eles os porquiños que agachados por debaixo das mesas corrían onda min dicindo "oic" "oic" ó escoitarme berrar: ¡nenoooos...neniñooos!.

jueves, 14 de febrero de 2008

eu aquí nunca bailei


eu aqui nunca bailei
eu aquí nunca cantei
por ser a primeira vez
non sei como sairei

Pois si, é a primeira vez, e aínda estamos un pouco verdes nesto do blog, pero xa estamos aquí e iremos aprendendo mentras cantamos e bailamos.
O martes 19 volvemos a actividade de "Vide en Verde". Pola tarde iremos plantar cen árbores de frondosas nun baldío da parroquia: no Couto, ó pe do depósito de auga.Os da Comunidade de Montes, logo do taballo téñennos prometido unha merenda. Alí estaremos os nenos e nenas da unitaria con todos aqueles da parroquia que nos queiran axudar: nais, pais, avoas, irmáns, parentes, veciños... e todos cun legón ou un sacho. A cada árbore poñerémoslle como nos outros anos, unha etiqueta co nome do "plantador" ou "plantadora", quen quedará encargado de cuidalo mentras é cativo.
E nesta semana na escola aprendemos os nomes das árbores que imos plantar e as súas características, mentras buscamos información na Biblioteca.
Volvimos a traballar o "elle" con folla de... as curvas coas follas de carballo e os picos coas follas de castiñeiro.Mañán sairemos a facer fotos de carballos, castiñeiros e nogueriras "nais", e volveremos a plantar un carballiño na bota vella para ver medrar outro "carballoconbotas".